Friday 03 de May de 2024

A Cátedra Emalcsa tratará os retos da sostebilidade en instalacións hidráulicas


 

A sede do Citeec, no campus de Elviña, acolle este mércores unha xornada onde se tratarán cuestións como a restauración de saneamentos ou a impermeabilización de depósitos

A Cátedra Emalcsa que impulsan a Empresa Municipal de Augas da Coruña e a Universidade da Coruña organiza este mércores 13 de novembro -xunto ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (Citeec) e a empresa de fabricación Agruquero- unha xornada que terá como eixe central os
‘Retos e solucións de sostebilidade en instalacións de saneamento, abastecemento e depuración: vangarda na capacidade hidráulica, o rendemento e a saúde pública’. A sesión comezará ás 09.30 da mañá e terá lugar na sede do Citeec no Campus de Elviña.

A xornada contará coa dirección e moderación a cargo de Ricardo Vázquez, director de I+D+i de Emalcsa, e será presentada polo Director Xeral da empresa municipal, Jaime Castiñeira, xunto ao CEO de Agruquero, Gabriel Quero. A continuación, o director técnico de Agruquero, Borja Andrés, falará sobre a ‘Protección e impermeabilización dos depósitos de formigón e redes de saneamento’. De seguido, o director de obra de ACUAES, José Piñeiro, disertará sobre as ‘Experiencias en Galicia en restauración de saneamentos’. O director de proxectos de Agruquero, Clemente Bernabé, tratará o tema ‘O PRFV como aliado perfecto das infraestruturas auxiliares do proxecto’, e Fernando Cárcamo, de Tecoplás, explicará cuestións relativas ás ‘Experiencias na aplicación de termoplásticos, na restauración e revestemento de aplicacións’. Tras o coloquio e como remate da sesión, os e as participantes farán unha visita ás instalacións do Citeex.

A Cátedra Emalcsa consolida unha relación técnico-científica entre a Empresa Municipal de Augas da Coruña e a Universidade da Coruña que afonda no traballo conxunto entre ambas entidades, co obxectivo de avanzar na investigación, o desenvolvemento e a innovación no

suministro e tratamento da auga, con especial atención aos retos que supoñen o cambio climático e o control de calidade. Así mesmo, a Cátedra nace para apoiar a todas as institucións que piden o asesoramento de Emalcsa no que ten que ver coa xestión da auga urbana, onde é unha referencia nacional.